Literaturas extranjeras y desarrollo cultural. Hacia un cambio de paradigma en la traducción literaria gallega

Luna Alonso, Ana; Fernández Rodríguez, Áurea; Galanes Santos, Iolanda; Montero Küpper, Silvia (eds.) (2015): Literaturas extranjeras y desarrollo cultural. Hacia un cambio de paradigma en la traducción literaria gallega. Peter Lang. Col.: Relaciones literarias en el Ámbito Hispánico – Vol. 11, Bern, Berlin, Bruxelles, Frankfurt am Main, New York, Oxford, Wien\n\nISBN: 978-3-0343-1487-9

 

Este estudo do grupo BITRAGA completa a análise sobre os fluxos de tradución iniciado nesta colección (Traducción de una cultura emergente, Peter Lang 2012).

Aborda a importación da literatura estranxeira e a súa incidencia na cultura receptora. A partir dos datos do Catálogo da Tradución Galega analízanse as obras, os xéneros, as autorías, as combinacións lingüísticas, así como as medidas institucionais de apoio, o comportamento das persoas que traducen e as tendencias históricas do fenómeno tradutivo. Os datos constrúen a reflexión tradutolóxica e contribúen a ponderar a importancia da literatura estranxeira no desenvolvemento dunha cultura en pé de igualdade coa creación. Deste modo, o ensaio científico conxuga o enfoque traductolóxico co da crítica literaria.

O estudo das prácticas de importación permite visibilizar as estratexias mediante as cales determinadas culturas ofrecen certa resistencia á hexemonía do mercado. O volume pecha así un círculo no que se avalía de forma cuantitativa e cualitativa a incidencia que tiveron os intercambios literarios na fase de consolidación da literatura galega contemporánea.

 

PRENSA

 

  • Besadio, D., “A literatura galega traducida a outros idiomas supera xa os 1.500 títulos”, El Correo Gallego, “Tendencias. Ciencia. Cultura. Ocio”, 28 xaneiro 2016, p. 40.

Destácase a ampliación que o sector da tradución das obras galegas coñeceu nos últimos anos, tal e como reflicten os estudos do grupo Bitraga, un equipo de investigación da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. Así mesmo, tamén se indica que é moi positiva a tradución ao galego dos premios Nobel e das obras de autores menos coñecidos, aínda que se constata a maior dependencia de importación literaria dende linguas como o español, o inglés e o francés.

 

  • C.R., “A literatura galega traducida supera os 1.500 libros”, Atlántico Diario/ La Región, “Universitas”, 4 febreiro 2016, p. 3.

Comenta que a literatura galega traducida está en expansión e recolle algunhas das linguas nas que se poden atopar obras galegas, como kurdo, búlgaro, turco, macedonio ou sueco. Destaca os datos positivos do sector e tamén do número de obras estranxeiras que chegan a ver a luz traducidas ao galego.

 

RECENSIÓNS

 

  • Bárbara Álvarez Fernández, “Reflexións sobre o fenómeno da tradución”, Grial, nº 208, “O espello das letras”, outubro, novembro, decembro, 2015, p. 98.

Destácase que a obra analiza a incidencia das traducións na etapa de consolidación da lingua galega e o lugar que ocupa a tradución literaria contemporánea no sistema cultural galego. Infórmase de que a obra consta de dez capítulos dispostos en dous grandes bloques que inclúen un marco teórico e metodolóxico, un percorrido histórico e cultural polos estadios da lingua galega e do sector editorial galego e da tradución, destacando as culturas dende as que se importa, o público e os xéneros traducidos e incluíndo tamén propostas e reflexións sobre as políticas de tradución.

 

  • Carmen Ferreira, “Tradución literaria ao galego”, El Correo Gallego, “2domingo”,“Literatura Infantil e Xuvenil”, “ELOS de lectura”, 22 novembro 2015, p. 6.

Tras reparar na relevancia da tradución no proceso de normalización lingüística e na visibilización de creadores e creadoras en literaturas alleas á propia, saliéntase o traballo do grupo BITRAGA da Universidade de Vigo, coordinado por Ana Luna Alonso, que na monografia Literaturas extranjeras y desarrollo cultural analizan en dez estudos a transferencia de traducións á literatura galega dende inicios dos anos oitenta do século XX. Destácase o estudo de Isabel Mociño, que se centra na importación de traducións á literatura galega para os máis novos e que analiza algunhas das principais vías seguidas nesta literatura para a incorporación de obras doutros sistemas literários, como foron as coedicións e multiedicións, as autotraducións e a importación de clásicos universais,  reparando no papel exercido por editoriais como Kalandraka Editora e OQO e na incidencia de premios literarios.

 

  • Verónica Pousada Pardo, “Luna, Alonso, Á. Fernández Rodríguez, I. Galanes Santos e Montero Küpper (2015). Literaturas extranjeras y desarrollo cultural. Hacia un cambio de paradigma en la traducción literaria gallega”, Anuario de Investigación en Literatura Infantil y Juvenil (AILIJ), n.º 13, “Libros reseñados”, 2015, pp. 191-193.

 

  • Álvarez Pérez, Mónica, “LIBROS. ‘Tradución e Política editorial de Literatura infantil e xuvenil’, editado por Ana Luna Alonso e Silvia Montero Küpper”, El Correo Gallego, “Tendencias”, “Literatura Infantil e Xuvenil”, “Para coñecela +. 2000”, 11 febreiro 2015, p. 42.

Descríbese esta monografía que publicou a Universidade de Vigo na colección “Tradución&Paratradución” no ano 2006. Destácase a estrutura en tres bloques temáticos principais: o primeiro, “Política editorial de Literatura infantil e xuvenil e tradución”, presenta reflexións ao redor das políticas editoriais sobre a tradución de Literatura Infantil e Xuvenil en todo o Estado español; no segundo, intitulado “Escribir e traducir(se)”, diversos autores galegos presentan as súas achegas sobre a tradución de Literatura Infantil e Xuvenil; e, finalmente, o terceiro, “Comportamentos tradutivos e paratradutivos”, versa sobre as diferenzas e similitudes do proceso tradutivo de textos infanto-xuvenís en diversas linguas.